Monday 16 de September de 2024

Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria Xoves 8 de agosto


A Comisión de Seguimento da emerxencia sanitaria composta pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, a concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montserrat Paz, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, ademais de técnicos municipais das diferentes áreas, fixo seguimento este xoves do estado actual da recollida de lixo.
Un total de 54 operarios de Valoriza, empresa de emerxencia que reforza a recollida de residuos na cidade, están a traballar a diario en dúas quendas de limpeza, a consecuencia da ampliación da emerxencia sanitaria a toda a cidade, que entrou en vigor o pasado luns. Mentres non se normalice a situación, os equipos de Valoriza traballarán en dobre quenda en horario diurno, de 7.15 a 15.15 horas, e de 15.15 a 23.15 horas.

Evolución da recollida polo servizo de emerxencia
Na xornada de onte, a empresa de emerxencia que reforza a recollida de residuos na cidade, Valoriza, recolleu un total de 70,1 toneladas de lixo, sen incidencias.
Desde a posta en marcha da recollida de emerxencia dos residuos acumulados nas rúas, os operarios de Valoriza xa recolleron un total de 884,2 toneladas de lixo.
Sen incendios nin incidencias

Nas últimas 24 horas non se produciu ningunha incidencia en relación ao conflito da recollida do lixo. Desde o pasado 24 de xuño, no San Xoán, o Concello contabilizou 160 contedores queimados intencionadamente nos diversos distritos da cidade, actos vandálicos que, ademais de implicar uns custos duns 400.000 euros para as arcas municipais, tamén están a supoñer afectacións e danos a bens patrimoniais das veciñas e veciños da Coruña.

A folga indefinida, sen traballadores secundando o paro

No décimo día de folga indefinida, segundo confirma a concesionaria, ningunha persoa traballadora secundou o paro, ao igual que nas anteriores xornadas. As porcentaxes de recollida de lixo por parte da concesionaria melloran por segundo día consecutivo, chegando ao 100% en diferentes puntos da cidade.

Porcentaxes de recollida da empresa adxudicataria da pasada noite, por zonas

A recollida por parte da empresa Prezero comeza a normalizarse, a pasada noite todos os barrios se recolleron por riba do 50% a pesares da folga. Así foi, na pasada madrugada, o balance de recollida de lixo por parte da empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo.
Monte Alto: 100%
Cidade Vella: 95%
Pescaría – Centro: 95%
Os Rosales – Labañou: 100%
Estadio: 85%
Ventorrillo – Agra do Orzán: 80%
Sagrada Familia: 100%
A Sardiñeira – Elviña: 100%
Os Mallos: 100%
O Castrillón: 75%
Os Castros: 80%
Matogrande – Eirís: 50%
Mesoiro – Feáns – Valaire: 60%